Dende Aférrate queremos dar un pequeno recoñecemento a todas aquelas persoas agricultoras, campesiñas e labregas que arredor do mundo traballan o campo dun xeito respetuoso e sostible coa natureza e con toda a vida que a conforma, e que nos permite gozar de alimentos sans de xeito xusto.
As técnicas da agricultura mudaron moito dende o seu inicio (alá polo neolítico) e que, sobre todo na década da mal chamada Revolución Verde, foi usando métodos de produción pouco sostibles e moi prexudiciais como o uso de insumos químicos ou os monocultivos e que tan prexudiciais son tanto para a nosa saúde como para a do planeta.
Por iso é preciso mudar cara modelos agroecolóxicos que fomenten outras formas de vivir e de producir como a agricultura biodinámica, a permacultura ou a agricultura rexenerativa. Que van máis alá de modelos de agricultura senón que son unha filosofía de vida que procuran a soberanía alimentaria e unha distribución equitativa dos recursos en todos os pobos e cidades do mundo.