Sobre nós e Aférrate

Programa Aférrate

A través do programa Aférrate de prevención da conduta suicida pretendemos acompañar directamente ás persoas que tiveran un intento de atentar contra a súa propia vida ou tiveran ideacións e pensamentos recurrentes en relación coa conduta suicida, no último ano.

Acompañar dende a mocidade ata a vellez a aquelas persoas que se atopan nunha crise suicida faise de vital importancia cando o suicidio xa é a primeira causa de morte non natural no noso estado, e sendo Galicia a segunda comunidade autónoma coa maior taxa. O suicidio supera xa as mortes por accidentes de tráfico, os homicidios e a violencia de xénero.

En Aférrate a metodoloxía é integral, e complementaria o tratamento clínico, onde a través dunha intervención psicoterapéutica e socioeducativa traballaremos para mellorar a calidade e estilo de vida das persoas e onde a natureza sexa o noso espazo de traballo.

O obxectivo é promover factores de protección a través da horticultura terapéutica, agricultura ecolóxica, Baños de Bosque, actividades físico-deportivas no mar e actividades saudables de ocio e de soporte comunitario.

Este programa é posible grazas a financiación do Servizo Galego de Saúde, do Ministerio de Sanidade así como a colaboración do Concello de Vigo na cesión dun espazo na Oficina Municipal de Bouzas.

Para contactar con nós:

Teléfono: 675108896

Correo electrónico: aferrate@alborada.org


O blog de Aférrate

Unha vez iniciado o camiño en Aférrate e tras sumerxirnos na recollida e investigación dunha morea de información e visualización de material sobre saúde mental e, en especial, sobre o fenómeno do suicidio chegamos a unha conclusión: a importancia de recoller e dar acceso a recursos e unha información crítica, útil, real e accesible á comunidade.

Nos últimos anos falar sobre saúde mental xa é común nas rúas, non o é tanto o suicidio, polo que é preciso acompañar e dar ferramentas para que esta sexa abordada do mellor xeito; sen caer en mitos e estereotipos que son realmente prexudiciais para nós tanto no ámbito profesional como no familiar e social.

Por outra banda,  no blog atoparemos moi presente o coidado e defensa do medioambiente e da natureza, da súa vinculación coas persoas e dos múltiples beneficios para o benestar físico, psicolóxico e espiritual.